martes, 12 de maio de 2015

O PALLASO MALVADO

Payasos - GIFMANIA
Despois de varios días acabamos o conto "O pallaso malvado", que imos representar no Kamishibai.
Este é: 

Había unha vez un circo chamado Circus Máxico que percorría un montón de vilas e cidades levando o seu espectáculo a nenos e nenas de todas as idades.

No circo había un pallaso con pelo encarnado que quería actuar sempre en primeiro lugar. O pallaso chamábase Mariano e levaba no circo desde había tres anos, cando foi buscar traballo ao Circus Máxico. Ninguén sabía onde nacera, nin quen era a súa familia. En realidade, pouco se sabía do pallaso Mariano, porque el non era moi faladeiro e case sempre estaba só. O pallaso dicía que el tiña o espectáculo máis importante e divertido do circo, por iso debía de ser a estrela absoluta.


O xefe do circo, Jean Pierre, era tamén o domador de leóns. Era un home moi alto e moi fraco. Gustábanlle moito os animais e sempre tivera leóns, tigres, elefantes... Agora tiña catro leóns cos que facía un espectáculo moi divertido pero tamén moi arriscado.

No Circus Máxico tamén actuaba unha trapecista. Era a filla de Jean Pierre, o domador de leóns, e era unha rapariga duns 18 anos que xa nacera no circo e levaba toda a vida nel. A trapecista chamábase Lúa. O seu pai puxéralle ese nome porque quería que a súa nena voase tan alto como a lúa, e a Lúa trapecista case o conseguía no seu espectáculo.

Un día que estaban en Pontevedra, chegoulles unha mensaxe para que foran actuar a Francia. Recolleron a carpa, os animais, os aparellos con que actuaban e encamiñáronse cara alá. Polo camiño, tiveron que parar varias veces para descansar e darlles de comer aos animais.

Despois de varios días, chegaron a Francia. Mentres estaban montando a carpa do circo, apareceu un mozo francés chamado Matisse que quedou impresionado coas acrobacias de Lúa. Cando Matisse era pequeno regaláranlle un circo en miniatura  e desde entón sempre quería actuar nun. Encontrouse con Lúa despois dos seus ensaios e puxéronse a leriar. Matisse contoulle que lle gustaría moito actuar nun circo pero Lúa díxolle que no Circus Máxico non podía, xa que estaban as actuacións todas completas.

Por fin chegou o día da primeira actuación. Coma sempre, o pallaso ía en primeiro lugar. Fixo un número moi divertido e a xente riuse moito. Todo o público aplaudiu e o pallaso sentiuse moi satisfeito, coma sempre. A verdade é que era un pallaso moi fachendoso, pensaba que el era o mellor e que sen el non existiría o circo.

Despois do pallaso houbo cinco minutos de descanso e a continuación tiña que actuar Lúa, a trapecista. Lúa entrou no seu camerino para vestir o seu traxe pero cando abriu o caixón onde o gardaba, viu que alí non había nada.

Lúa foi correndo onda seu pai, Jean Pierre, o domador de leóns, para explicarlle o que pasara. Ía ter que cancelar a súa actuación e ao mellor as persoas do público sentíanse estafadas e pedíanlles que lles devolvesen os cartos das entradas.

Seu pai estaba cos leóns aos que adestraba. Non obstante, parecía moi preocupado porque un dos leóns estaba enfermo e non podía levantarse. Jean-Pierre non sabía que lle podía pasar.

O domador mandoulle a Lúa que fose avisar un veterinario. Lúa foi correndo e polo camiño atopouse con Matisse, o seu novo amigo. Matisse contoulle que coñecía un veterinario moi cualificado que vivía preto do circo. Chamouno por teléfono e de alí a cinco minutos xa estaba na porta do circo. Lúa ensinoulle onde estaba a gaiola dos leóns e o veterinario foi cara alá, para examinar o león e comprobar o que tiña.

Mentres tanto, Lúa explicoulle a Matisse que desaparecera o seu traxe. Nese momento ían andando por diante do camerino do pallaso Mariano. A porta estaba aberta e á trapecista pareceulle ver unha cousa coñecida dentro dun cofre. Parecía ser un anaco do seu traxe. Ela, estrañada, entrou no camerino do pallaso Mariano, abriu o cofre e comprobou que efectivamente era o seu vestido, pero este estaba medio roto, faltáballe unha manga e mais un anaco da saia.

Lúa non podía actuar así, co traxe medio rompido! Case se bota a chorar, pero Matisse volveu a sacar o teléfono e chamou a un amigo seu, o costureiro máis famoso de Francia.

Este arranxoulle o traxe nun santiamén e incluso o deixou máis fermoso ca antes. Lúa vestiuse rapidamente e púxose a actuar. O seu espectáculo foi magnífico e todo o mundo quedou marabillado.

O pallaso Mariano estaba moi enfadado porque lle saíran mal os seus plans: fora el quen intentara sabotar a actuación de Lúa, pero saíranlle mal as cousas porque ao final a trapecista acabara atopando o traxe.

Mentres tanto, o veterinario fíxolle unha análise e un lavado de estómago ao león facendo que devolvese o que tiña no estómago e atopouse coa sorpresa de que apareceron anacos do vestido de Lúa, a trapecista. Por iso se atopaba mal o león. Pero, quen lle dera o vestido ao león? Quen fixo que o comera?

Jean-Pierre viuse obrigado a suspender o resto das actuacións,  pero prometeulle ao público que a fin de semana seguinte volverían a actuar gratis para todo o mundo que quixese velos. O domador reuniuse coa súa filla, co veterinario e mais con Matisse, que tanto os axudara, e chegaron á conclusión de que o pallaso agachara o traxe de Lúa, que llo dera de comer ao león e así fixo que este enfermase.

Jean-Pierre decidiu chamar a policía para que detivesen ao pallaso Mariano e o metesen no cárcere por todo o dano que fixera. A xente quedou sorprendida porque non pensaba que o pallaso fixera iso.



Ao final, o león púxose ben, pero o Circus Máxico quedara sen pallaso. Como e onde poderían atopar un novo pallaso? Pois moi fácil. Matisse, que tan ilusionado estaba por actuar nun circo, ofreceuse para facer unhas probas. Fíxoo tan ben que o contrataron deseguida. Ademais de pallaso, tamén sabía facer acrobacias espectaculares e el e mais Lúa montaron un número onde a trapecista era capaz de voar alto, moi alto; tan alto como a propia lúa. A partir dese espectáculo Lúa e Matisse namoráronse e foron felices para sempre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario